O pasado domingo, 27 de setembro, o programa Coñece e Saborea… fixo parada no fermoso Concello de Toén cunha xornada chea de natureza, cultura e gastronomía.
A actividade comezou coa calorosa benvida do alcalde Ricardo González aos 40 participantes. Dende alí, puxémonos en marcha cara á aldea de Moreiras, percorrendo o sendeiro PRG-186. A ruta iniciouse en Mugares, onde visitamos a súa igrexa parroquial, os montes da esquecida aldea de San Vicenzo, a contorna do Castro de Louredo, o alto das Lameiras e, finalmente, Moreiras.
Ao remate do roteiro, esperábannos no restaurante Casa Ana o alcalde e a tenente de alcalde de Toén, acompañados de Beatriz Martínez e Manuel Seoane, xerente e presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou, entidade organizadora do programa Coñece e Saborea… Comarca de Ourense.
No restaurante, Ana, a súa anfitrioa, agasallounos cunha deliciosa degustación de petiscos e tapas elaboradas con produtos locais dos concellos que forman parte do GDR Adercou.
A experiencia completouse cun espazo de exhibición e venda de produtos artesáns, panadería tradicional, marmeladas e outras delicias da zona.
Como broche final, visitamos o Centro de Interpretación do Entroido de Mugares, unha iniciativa da Asociación Cultural Entroido de Mugares que busca preservar, promocionar e celebrar este entroido tan singular e cheo de identidade.















