Un nutrido grupo de participantes de diferentes puntos de Galicia gozou dunha xornada para descubrir a natureza, a historia e os sabores de San Cibrao das Viñas.
A recepción tivo lugar no Cruce de Soutopenedo, coa benvida do tenente de alcalde Manuel Pedro Fernández e do concelleiro José Luis Montero, que nos acompañaron durante todo o roteiro compartindo interesantes datos sobre a zona.
Un percorrido cheo de vida
A ruta combinou tramos das sendas de San Cibrao, A Laxe e A Boutureira, auténtico pulmón verde do concello. Visitamos os muiños restaurados do río Barbadás, camiñamos entre antigas terras de viñedo hoxe poboadas de carballos, castiñeiros, sobreiras e érbedos, e detivémonos na igrexa de Soutopenedo, aberta para a ocasión, onde puidemos admirar o seu espectacular retablo.
Sabores da terra
O paseo rematou no Café Bar Marian, onde Marta preparou unha deliciosa degustación de produtos locais de San Cibrao e doutros concellos do GDR Adercou. Tamén contamos coa presenza de Merche, produtora de mel, que compartiu a súa experiencia e paixón polos seus produtos.
Unha xornada que uniu paisaxe, patrimonio e gastronomía, amosando a riqueza e o encanto de San Cibrao das Viñas.














