O pasado domingo 21 de setembro, dentro do ciclo Coñece e Saborea, celebrouse a quenda de Gomesende, unha actividade dedicada á promoción do patrimonio cultural, natural e gastronómico da comarca.
A xornada desenvolveuse cunha ruta de sendeirismo de 11 quilómetros polo cañón do río Arnoia, un percorrido cheo de historia e paisaxes espectaculares. A andaina comezou no Santuario de Nosa Señora do Val, un templo inacabado do século VIII, onde se exploraron os seus recunchos e lendas.
O grupo visitou tamén a aldea de Escudeiros e percorreu a antiga canle hidráulica do Arnoia, deseñada a comezos do século XX para fornecer enerxía á mina de wolframio La Sultana. A ruta continuou ata o Coto de Seoane, dende onde se puideron admirar as impresionantes vistas do monte do Seixibal, antes de regresar ao punto de inicio.
Como broche final, os participantes gozaron dunha degustación de produtos locais e mercadillo no Bar Braseiro, un momento perfecto para compartir impresións e saborear a gastronomía da zona.
Desde a organización, transmítese un agradecemento a todos os participantes e un agradecemento especial a Camilo Alonso, Concelleiro de Deportes do Concello de Gomesende, pola súa acollida, acompañamento e guía ao longo de toda a actividade.










