O alumnado do CEIP Roberto Blanco Torres de A Peroxa tivo a oportunidade de mergullarse no fascinante mundo das abellas grazas ao proxecto educativo “Abellas, gardiáns do planeta”, unha iniciativa que ten como obxectivo sensibilizar á comunidade escolar sobre a importancia fundamental destes insectos no equilibrio do ecosistema.
Durante a sesión, as rapazas e rapaces tiveron ocasión de observar unha colmea didáctica, coñecer o ciclo de vida das abellas, identificar os produtos que elaboran (como o mel, a cera ou o pole), e mesmo vestirse como apicultores e apicultoras por un día. Todo isto cun enfoque lúdico e participativo que esperta a curiosidade e fomenta o respecto pola natureza.
Esta actividade forma parte da proposta “Talleres Apícolas nos coles rurais”, promovida polo noso Grupo de Desenvolvemento Rural, que se está a desenvolver en distintos colexios públicos da contorna e vai dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.
A través de obradoiros didácticos, dinámicos e adaptados ás distintas idades, o alumnado aprende o papel esencial das abellas na polinización e na produción de alimentos, así como os perigos que ameazan a súa supervivencia, como o uso de pesticidas, a perda de hábitat ou o cambio climático.
Ademais de achegar a ciencia dun xeito práctico, o proxecto tamén promove a apicultura como unha actividade tradicional, sostible e con futuro no medio rural, poñendo en valor o coñecemento local e a importancia de coidar do noso contorno natural.
Actividades coma esta axudan a formar unha cidadanía máis consciente, comprometida e respectuosa co planeta.


_____________________________________________________________________________________________
ADERCOU – GDR 11 continúa así co seu compromiso pola educación ambiental e pola posta en valor do patrimonio natural e produtivo das comarcas rurais galegas. Unha oportunidade única para que os máis pequenos se acheguen, dun xeito lúdico e participativo, ao apaixonante mundo das abellas.
